Monday 20 de May de 2024

O Concello asumirá a titularidade da vía do Faro Vilán despois de que a Autoridade Portuaria repare o firme


Sandra Insua mantivo hoxe unha reunión telemática con Enrique Losada.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, mantivo hoxe unha reunión telemática co presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada. No encontro tratáronse diferentes temas relacionados co Faro Vilán, como son o amaño da vía que o conecta con Camariñas como tamén o xeito de chegar a este.
Por unha banda, Enrique Losada amosou a súa intención de cederlle ao Concello a titularidade da estrada que vai desde Camariñas ata o Faro. O pleno debe aprobar primeiro a cesión da estrada ao Concello, condicionada a que a Autoridade Portuaria efectúe a reparación. Cando rematen as obras,
e exista conformidade das partes no estado da vía, xa se faría efectiva a cesión.
Por outra banda, na reunión estudáronse as alternativas para o acceso á explanada do Faro, que actualmente está pechado. Para este verán, como solución temporal, avanzouse na posibilidade de abrilo unicamente para turismos particulares e, tanto o Concello como a Autoridade Portuaria, van
a tratar nas próximas datas como articular esa apertura. Os autobuses non poderán acceder.
Como solución definitiva, tanto Sandra Insua como Enrique Losada acordaron buscar a fórmula para habilitar un aparcadoiro na zona e que así os que visiten a zona, tanto en vehículos particulares como en autobuses, poidan estacionar alí e facer a pé o último tramo.
A alcaldesa, Sandra Insua, agradeceu a “boa vontade amosada pola Autoridade Portuaria” e expresou o seu desexo de poder “de cara ao verán, ter nas mellores condicións o acceso ao Faro, que é un símbolo de
Camariñas e sempre atrae a un número elevado de turistas”.